RIBEIRA> A Dirección Xeral de Xustiza procedeu estes días, a solicitude do concello de Ribeira, á retirada dos vehículos abandonados situados na contorna do Xulgado. Culmina así un expediente iniciado no ano 2023 permitindo a recuperación ambiental e paisaxística da entrada ó Parque Periurbano de San Roque.
Día histórico para Ribeira trala retirada dos restos de vehículos que se atopaban na contorna do xulgado. Levaban máis de 30 anos neste emprazamento, froito de distintas operacións xudiciais, e co paso do tempo acabaron converténdose nun foco de degradación e nunha imaxe de abandono e insalubridade.
Dende o executivo ribeirense agradeceron a colaboración da Dirección Xeral de Xustiza e das distintas administracións implicadas, cuxa coordinación posibilitou a realización deste proceso.
O goberno local reafirmou o seu compromiso coa mellora do espazo público e anunciou que continuarán a traballar para que situacións de abandono e feísmo non se volvan a producir dignificando os accesos urbanos e coidando a imaxe de Ribeira.










