O Boiro consegue a súa primeira vitoria en Barraña

BOIRO> Os tres puntos ante o Somozas permítelle ós de Fredi Álvarez poder saír das prazas que condenan ó descenso directo. Á cuarta foi a vencida, e o Club Deportivo Boiro conseguiu este pasado sábado ante o Somozas a súa primeira vitoria da tempada coma locatario, dous a un. O trunfo non estivo falto de emoción, pois os ferroláns estiveron a piques de conseguir a igualada na recta final do encontro. Os de Fredi Álvarez sen realizar un bo encontro, foron máis efectivos. A sorte que lle faltou noutros encontros anteriores, estivo agora de lado dos boirenses. O primeiro tanto, cando corría o minuto 23 de partido, foi obra de Pedro Beda. Que remachou na liña de gol un testarazo de Gonzalo a centro de Juampa. Non estivo falto de polémica, pois os ferroláns consideraron que o balón non traspasara a liña. Sendo moi protestado. Co resultado de un a cero chegaríase ó descanso. Xa na segunda metade ó pouco do inicio chegaba o segundo do Boiro. Nesta ocasión o seu autor foi Cano, tras un gran pase de Herbert. O dous a cero deixaba practicamente encarrilada a vitoria do Boiro. Pero non foi asi. Os ferroláns non se amilanaron. A base de bo xogo, empezaron a crear ocasións, que foron desbaratadas na súa maioría polo acerto do gardameta local Pato. Outra vez un dos heroes do partido. A dez do final Amaro, despois dunha gran xogada de Cristian, poñía o 2-1. a partir de ahí acoso á meta local aínda que o marcador xa non se movería. Os tres puntos dan folgos ós boirenses que abandonan postos de descenso directo. Agora son décimo sextos con sete puntos. Empatados co Coruxo. Rival ó que renderán visita o próximo domingo.Polo que respecta ó resto de resultados dos equipos galegos hai que destacar a vitoria do Pontevedra por un gol a cero o Racing de Ferrol no outro derbi galego, a do Celta B por catro goles a un ó Burgos e o empate a ceros do Coruxo ante o Izarra.