50 días sen Diana

    POBRA> Esta semana cumpríronse 50 días da desaparición de Diana Quer. Pasado este tempo continúan abertas tódalas hipóteses, os investigadores contrastan datos de matrículas, teléfonos e testemuñas, e nos últimos días unha área moi concreta parece centrar a busca da policía: 7 quilómetros.

     

     

    Ese é o radio no que se centran as pesquisas da garda civil arredor da desaparición de Diana Quer cando se cumpriron 50 días sen noticias da moza: 7 quilómetros de radio entorno a un punto moi concreto de Taragoña. Este repetidor ubicado na parroquia rianxeira podería estar despexando moitas incógnitas respecto da desaparición de Diana. Foi o último que captou o sinal do seu teléfono a noite da desaparición, e fíxoo só 15 minutos despois de captalo na Pobra do Caramiñal. Unha distancia duns 20 quilómetros entre a Pobra e Taragoña, que segundo indican as antenas telefónicas, o teléfono de Diana percorreu nun cuarto de hora. O que fai deducir aos investigadores que o camiño se fixo nun vehículo. E este repetidor, aporta tamén outro dato clave. Non foi unha, senón dúas as veces que captou o móbil da moza aquela noite da desaparición: unha preto das 3, e outra ás catro e cuarto. A partir desa hora o teléfono de Diana apágase. Que pasou entre as 3 e as 4 da madrugada nese radio de 7 quilómetros? De momento, nada se sabe. Todo comeza a noite do 22 de agosto, cando Diana Quer, madrileña de 18 anos, que veranea na Pobra coa súa nai e a súa irmá menor, sae celebrar as festa do Carme dos Pincheiros. Nunca regresa á súa casa. Ao día seguinte Diana López Pinel, a súa nai, denuncia a desaparición da moza. A partir dese momento a casa de veraneo da Pobra convértese no epicentro das miradas, os corpos de seguridade da comarca, así como os veciños, colaboran no caso  participando en batidas na Serra do Barbanza, colocando carteis, aportando calquera detalle ou pista sobre o que puidera acontecer esa noite. As cámaras de seguridade da zona, tanto da Pobra como da Autovía do Barbanza, analízanse minuciosamente, mestúranse as matrículas cos datos dos teléfonos móbiles captados por esa zona esa noite. Xa que todo apunta a que Diana subiu a un vehículo cando regresaba á súa casa, tras despedirse das amigas a iso das dúas e media da madrugada. Que lle ocorreu á rapazas despois de ser vista no paseo do Areal, a dez minutos da súa casa? 15 días despois da desaparición, o nome dunha parroquia rianxeira entra a formar parte esencial da investigación. A busca céntrase en Taragoña. Desde ese día poucas novidades, debido sobre todo ao segredo de sumario. No medio da investigación sobre a desaparición, xorde tamén unha loita que vén de atrás, a da familia de Diana. Os conflitos entre o pai e a nai, separados desde hai catro anos, e a guerra pola custodia da irmá menor de Diana, entran en escena,   mediáticamente, ensombrecendo en ocasións a desaparición da súa filla maior. Moitas especulacións e poucos datos confirmados. Cumpridos cincuenta días da desaparición de Diana Quer, aínda se traballa na procura dunha liña clara de investigación que aporte luz sobre o paradoiro da rapaza.