Abre ó público o mercado provisional de Ribeira

    trasladomercadoribeira.jpgRIBEIRA> O alcalde, Manuel Ruíz, e a directora xeral de Comercio, Nava Castro, foron os encargados de inaugurar estas instalacións.

    {flowplayer}barbanza/trasladomercadoribeira.flv{/flowplayer}

    Rodeados dunha gran expectación, e antes de proceder á inauguración do novo mercado provisional, o alcalde Manuel Ruiz e a directora xeral de Comercio, Nava Castro, protagonizaron un acto simbólico co que se pretendeu ilustrar o inicio de derrubo da vella praza de abastos, duns 40 anos de antigüidade, e que consistiu, grazas á axuda dun guindastre, na retirada do letreiro do mercado existente na fachada principal do edificio, a que dá cara a zona portuaria.

    Inauguración carpa provisional

    A continuación as autoridades achegáronse ata o mercado provisional situado a escasos metros, na confluencia da rúa Canarias coa rúa Galicia, para axudados da vendedora máis antiga da praza, proceder á descuberta do rótulo anunciador de entrada ás instalacións. Xa no seu interior, e despois de proceder á bendición dos postos por parte do cura párroco, Cesáreo Canabal, o grupo de autoridades, entre os que se atopaban os demais membros do equipo de goberno, a presidenta da Asociación de Amas de Casa, Magdalena Bringas, así como o alcalde de Cambados, Luís Aragunde, que acudiu ó acto convidado pola directora xeral de Comercio, para coñecer de primeira man as instalacións provisionais, realizaron un percorrido pola carpa de aproximadamente uns 450 metros cadrados de superficie e que dispón de ó redor de vinte postos de diferentes produtos para o peixe, a froita ou a carne.

    Satisfacción

    A maioría dos vendedores atopábanse moi satisfeitos co cambio, a pesar de que o lugar é provisional mentres duren as obras de construción do novo mercado. —

    Presentación proxecto

    O alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, xunto co arquitecto redactor do proxecto, Celso López Martín, foron os encargados de dar a coñecer o proxecto de novo mercado que estará emprazado no mesmo lugar que ocupaba ata o de agora o vello, despois do seu derrube. A actuación, que conta cun orzamento de 3’5 millóns de euros, está pendente de adxudicación, un trámite que podería levarse a cabo en breve, polo que as obras poderían iniciarse xa este verán.

    O rexedor ribeirés destacou a importancia desta actuación, que segundo el marcará un antes e un despois no que será a futura estética da cidade.

    Edificio acristalado

    A estrutura do edificio, que simula un barco, será totalmente acristalada e estará dividida en cinco plantas. No soto estarían ubicadas as cámaras frigoríficas e os vestiarios; na planta baixa situaríase a área de pescados e mariscos; na planta primeira sería para outros produtos perecedoiros como as carnes, as froitas, e as verduras; a segunda planta estaría destinada ós produtos non perecedoiros e a terceira acollería o restaurante, que tamén disporía de terraza.  Unha das características que máis chamará a atención do futuro inmoble será a súa fachada de cristal inclinada, que en función da hora do día irá cambiando a súa tonalidade e estará serigrafada precisamente con tramas do que é o seu produto estrela: o peixe.

    Redacción Barbanza