O concello de Ribeira promove a integración social a través dos seus obradoiros

    RIBEIRA > O concello de Ribeira está a desenvolver un interesante proxecto psicoeducativo dirixido a nenos con problemas de integración social. Os pequenos participan en distintas actividades encamiñadas a fomenta-la autoestima e o traballo en grupo na busca de fórmulas axeitadas para a resolución de conflitos.

    obradoiro_200_020806.jpgArredor de vinte rapaces participarán neste obradoiro ó longo de todo o verán desenvolvendo distintas actividades lúdico-educativas. Tódolos nenos participantes teñen en común as súas dificultades para a integración social, ben motivadas polo seu entorno social, o desarraigo familiar ou a falla de medios e recursos. Ata o momento, os cativos están a realizar dinámicas baseadas no xogo e está previsto que para os vindeiros meses se desenvolvan actividades lectivas para o repaso dos contidos escolares.

    Así mesmo, os cativos traballan en función dunha serie de normas de conducta consensuadas cos educadores. O bo comportamento ten a súa recompensa ó final de cada mes.

    A concelleira de Servizos Sociais, Esther Patiño, visitou a aula de Servizos Sociais para compartir experiencias con estes pequenos. A responsable municipal puido comprobar ‘in situ’ a utilidade dos xogos desenvolvidos neste obradoiro, baseados no coñecemento dos compañeiros e o respecto á diversidade.

    Patiño destacou o bo resultado deste tipo de iniciativas que, dende o ano 96, vén desenvolvendo o concello ribeirés cun importante índice de participación.

    Redacción Barbanza