NOIA> A residencia Xeriatros de Noia ten entre os seus usuarios un gran artista. José Segade é a mostra de que o talento non entende de idades. Hoxe inaugurouse unha exposición na que o pintor amosa 25 das súas obras, réplicas dalgúns dos cadros máis relevantes da pintura mundial.
Picasso, Van Gogh, Dalí, Gauguin, Velázquez…pero todos saíron do talento, a paixón e o pincel deste home. José Segade aprendeu de forma autodidacta a pintar ós 80 anos. Hoxe, con 93, presenta nesta residencia Xeriatros de Noia a segunda parte da súa exposición “O santiagués errante”. Compostelán de nacemento, desde moi novo José sentiu paixón pola pintura, pero non chegou naquela época a animarse a cubrir o lenzo, aqueles, era noutros tempos. Con 80 anos, a súa muller, xa falecida, animouno a apuntarse a un obradoiro de pintura. Pero nese momento comprendeu José que o seu era máis de intuición artística, ca de aprendizaxe. E foi así como o artista, cos oitenta cumpridos, comezou a crear, e a expresar todo aquelo que levaba anos agochado no seu interior. José é agora un dos residentes do centro Xeriatros de Noia. Aquí vive cos seus compañeiros, aquí lles demostra que a idade non pon límites a quen vive con ilusión, e con ganas de expresar o seu talento, e aquí comparte desde hoxe e ata próximo 31 de outubro a súa arte.