Outes promove unha concentración para este mércores diante do centro de saúde

OUTES> A través dun comunicado, o executivo outense manifesta a súa súa profunda preocupación por toda a situación que se está a dar no ambulatorio da localidade.

Segundo informaron, logo de manter conversas tanto co persoal do centro como coa nova xerencia da área sanitaria de Santiago-Barbanza, todo apunta a que o número de médicos de familia vai a reducirse dos cinco actuais a só tres, dos cales dous van ser estudantes MIR do último ano.

Isto prodúcese pola xubilación de catro dos cinco médicos nos vindeiros meses, dos que tan só dous se van substituír con dous residentes.

Dende o Concello consideran que nestas circunstancias a calidade da atención médica á veciñanza, en boa medida formada por xente maior, vaise ver resentida.

A maiores, na reunión mantida co novo xerente da área sanitaria, comunicóuselles tamén a decisión de mover á pediatra de Outes para Noia durante os meses de xullo e agosto, para así atender ós nenos de Lousame, Porto do Son e Noia.

Ante esta situación, que consideran desproporcionada, convocan unha concentración para mañá mércores ás oito e media da tarde, diante do centro de saúde, á que convidan a tódolos veciños a asistir.