Pontón cualifica de “bomba ambiental” o macrovertedoiro de Lousame

    LOUSAME> O BNG reclama á Xunta de Galicia unha nova política de xestión de residuos e pídelle que impida a instalación do macrovertedoiro de Lousame. A voceira nacional, Ana Pontón, lanzou esta mensaxe durante a súa visita esta mañá ós veciños da aldea de Mirón, uns dos afectados polo proxecto desta planta de residuos industriais.

     

     A voceira nacionalista, Ana Pontón, visitou esta mañá o lugar previsto para o futuro vertedoiro de residuos. Acompañada polo deputado, Xosé Luis Rivas, e concelleiros da comarca do Barbanza, mantivo un encontro cos veciños e veciñas aos que trasladou o apoio do BNG contra a instalación da futura planta, á que cualificou de “bomba ambiental” para o noso territorio. Os veciños da zona transmitiron á voceira nacional as súas preocupacións e inquedanzas sobre o que pode supoñer para eles a instalación do macrovertedoiro nas súas terras. Pontón asegurou que hai outras formas de xestión de residuos, polas que a Xunta debería apostar, e que ademais axudarían a crear máis emprego. Pola súa banda, o deputado do BNG, Xosé Luis Rivas, cualificou de despropósito a instalación do vertedoiro nesta zona. Para o concelleiro de BNG de Lousame, Amador Turnes, o macrovertedoiro suporá o enterramento de 77.000 toneladas de residuos tóxicos que poden afectar aos manaciais de subministro de auga. Ana Pontón prometeu ós veciños, que a partir de mañá que se constitúe o novo parlamento, o BNG levará á cámara autonómica as iniciativas que sexan necesarias para evitar a construción da planta.