A Xunta anula a construción de vivendas protexidas nos terreos de Coroso

    anulacionplansolo_100_220110.jpgRIBEIRA> A Xunta anulou a reserva de terreos prevista para a construción de vivendas protexidas en Ribeira no marco do Plan Sectorial do Solo.

    Os propietarios dos terreos ubicados na zona de Fontao xa respiran tranquilos ó ver como se materializa o compromiso pre-electoral asumido polo Popular de deixar sen efecto o Plan Sectorial do Solo. O Instituto Galego de Vivenda e Solo comunicou ó concello a anulación da reserva de terreos prevista entre Deán Grande e O Caramecheiro, onde estaba proxectada a construción de 402 vivendas protexidas.

    Rexeitamento social

    Dende un principio, o proxecto deseñado polo anterior goberno bipartito, provocou unha grande contestación social posto que afectaba a máis dun cento de parcelas que terían que ser expropiadas e mesmo algunhas vivendas. Isto tan só en Ribeira, xa que na maior parte de concellos afectados tamén xurdiron voces críticas e mesmo se chegou a crear unha plataforma de propietarios en contra deste plan que recibiu máis de quince mil alegacións.

    A decisión do goberno de anular o proxecto causou gran satisfacción entre os propietarios que, por fin teñen a confirmación oficial de que poderán manter os seus terreos. Así, a súa portavoz quixo facer público o agradecemento do colectivo a tódalas persoas e entidades que contribuíron a expoñer a súa reivindicación, incluíndo agrupacións políticas, medios de comunicación e mesmo persoas que colaboraron a título individual.

    Terreos urbanizables

    Agora agardan que tódolos terreos incluidos nesta área de influencia sexan catalogados como zona urbana no PXOM para blindalos ante futuras accións deste tipo.

    Pola súa banda, o goberno autonómico terá que reformular o plan de xeito integral, buscando o maior consenso posible e botando man de fórmulas alternativas para a dotación de vivenda pública como a ocupación de pisos baldeiros a través de acordos entre a administración e os promotores.

    Redacción Barbanza