O executivo pobrense consensuará coa oposición as obras a incluir no POS+2017

POBRA> O novo plan provincial será aprobado pola Deputación da Coruña o próximo venres e á Pobra corresponderanlle ó redor duns cincocentos mil euros. Coa finalidade de evitar situacións semellantes á vivida o pasado ano durante o pleno de aprobación das obras a incluír no POS, que mesmo estivo a piques de perderse, despois da espantada da oposición da sesión pola falla de acordo, o executivo pobrense convocará nos próximos días ó resto de grupos con representación municipal para ir valorando os proxectos a incluír con cargo ó novo Plan da Deputación. En lugar de presentar obras concretas dende o goberno local preténdese establecer liñas prioritarias como é o caso do saneamento. Outras actuacións previstas poderían ser a construción dun parque infantil cuberto, á reposición de viais, á rehabilitación de espazos deportivos ou á mellora da rede de centros sociais, entre outras. Dende o goberno pobrense valoraron ademais moi positivamente este Plan que permitirá entre outros aspectos poder axudar a sanear as economías municipais e reforzar a autonomía dos concellos.