Os veciños da Ribeiriña contarán cun centro social renovado e accesible a principios de decembro

A POBRA> Xa están en marcha as obras de mellora de accesibilidade do centro sociocultural da Ribeiriña, na Pobra. Suporán un investimento próximo ós 50 mil euros para a reforma da instalación e da súa contorna.

As concellerías de Mobilidade e de Participación Veciñal da Pobra promoveron a actuación de mellora do centro sociocultural da Ribeiriña e da súa contorna. Os traballos, que xa están en marcha, suporán un investimento de preto de 50 mil euros que facilitarán o acceso ó inmoble que ademais de centro cultural funciona como colexio electoral.

O proxecto contempla tamén o acondicionamento da contorna do centro e das pistas deportivas coa instalación de equipamentos como unha canastra, portarías e o arranxo da rede perimetral.

O concello da Pobra decidiu acometer estas obras para cumprir unha vella demanda dos veciños da Ribeiriña, unha das zonas do concello que presenta na actualidade máis necesidades. Conta cunha asociación veciñal moi activa que disporá, unha vez rematadas as obras, dun local axeitado para realizar as súas actividades.

A intención do concello é seguir nos próixmos meses a acondicionar os centros socioculturais das diversas parroquias para dinamizar a vida no rural.