POBRA> Un bo número de persoas asistiron este mediodía nos xardíns de Valle-Inclán ó acto organizado polo Concello en conmemoración co Día da Galiza Mártir, que lembra cada 17 de agosto o fusilamento do intelectual e galeguista Alexandre Bóveda.
Nel interviñeron o alcalde, José Carlos Vidal, e a edil de Memoria Histórica, Patricia Lojo. Os dous destacaron a importancia deste acto que simboliza a loita pola liberdade e a democracia.
O acto serviu ademais de recoñecemento a outra figura, neste caso local, que perdeu tamén a súa vida por defender os valores da democracia.
Trátase de Manuel Hermo Vidal, tenente de alcalde da Pobra do Caramiñal e alcalde substituto durante a sublevación militar fascista de 1936.
O acto rematou cunha ofrenda floral ante a escultura homenaxe ás vítimas da ditadura franquista realizada polo artista local Manuel Teira.