A POBRA> O Club de Atletismo e Deportes do Barbanza denuncia o precario estado en que se atopa a pista de atletismo da Alta. A falla de mantemento, nunha instalación que conta xa con máis de tres décadas, implica moitas limitacións para o seu uso supoñendo mesmo un risco para os deportistas que alí adestran.
Fochancas, desniveis, maleza e todo tipo de atrancos poñen en serias dúbidas a operatividade da pista de atletismo da Alta, na Pobra. O Club de Atletismo e Deportes do Barbanza leva tempo denunciando o mal estado da instalacións.
Ademais de limitar o seu uso e impedir adestrar con normalidade, o mal estado da pista pon tamén en risco a seguridade dos deportistas posto que presenta un maior risco de lesións.
Dende o club atribúen esta situación ó escaso mantemento da pista, inaugurada hai xa 31 anos. Esta situación derivou na perda de homologación por parte de Federación Española de Atletismo.
A pesar das numerosas peticións realizadas ante o concello, de quen depende o mantemento da instalación deportiva, aínda non tiveron resposta ás súas demandas. Non reclaman unha ampliación nin unha actuación ambiciosa senón un mínimo mantemento para facer operativas unhas instalacións que usan a diario e na que adestran deportistas de elite.











