Un incendio fai saltar as alarmas en Rosalía de Castro

PONTEVEDRA> Un incendio debaixo da ponte de Rosalía de Castro fixo saltar onte a alarma no centro de Pontevedra. Os veciños deron a alerta ao redor das 11 menos 20 da noite aos bombeiros, que conseguiron sufocar o lume pouco máis dunha hora despois. Un indixente foi detido como presunto autor do incendio, que provocou un apagón na zona.

 

Ao redor das 11 menos 20 declarábase o incendio debaixo da ponte da rúa Rosalía de Castro. Trala voz de alarma dos veciños, ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Pontevedra e efectivos das polícias Local e Nacional. Pouco antes das 12 da noite daban o lume por extinguido.

Na zona foi detido o presunto autor, un indixente de 59 anos que vive debaixo da ponte. Segundo el mesmo explicou tras pasar a disposición xudicial esta mañá, o incendio foi un accidente provocado por unhas velas.

Segundo explicou esta mañá a concelleira Carme Fouces, este home é coñecido polos servizos sociais do concello, e négase a recorrer a alternativas municipais á rúa como o albergue para transeúntes. Pensando nestas persoas, o goberno local porá en marcha un novo programa.

Fouces explicou que este programa irá dirixido a persoas sen teito e ás que practican a mendicidade, e reforzará o traballo dos servizos sociais.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/12decembro/09/incendio_ponte_rosalia_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/12decembro/09/incendio_ponte_rosalia.mp4{/flowplayer}