PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra contará con 261,8 millóns de euros nos seus orzamentos para o 2027. Esta mañá o presidente Luis López presentou as contas do seu executivo, nas que se reforzan a cooperación cos concellos, o deporte, o turismo e o mantemento das estradas. Está previsto que os novos orzamentos se aproben de xeito definitivo no pleno do 6 de novembro, despois de presentarse no Parlamento de Galicia.
261,8 millóns de euros. É a contía da que disporán no 2027 os orzamentos da Deputación de Pontevedra. Unhas contas que superan en 23,2 millóns as do exercicio do 2026, un 9,4% máis.
A área á que se destinan máis recursos é a de cooperación cos concellos. Son 81,6 millóns de euros, un 8% máis que no 2026. Deles, 50 millóns destinaranse á nova convocatoria do Plan +Provincia. Un compromiso que se completa con plans extraordinarios como o de Infraestruturas Deportivas, os dous Plans Extra, o Vía Depo ou o Espazo Depo.
López tamén se referiu ao mantemento dos convenios coas dúas cidades da provincia. Vigo recibirá 5 millóns de euros e Pontevedra, 2,5 millóns. Contías ás que o presidente engadiu outros recursos que a Deputación destina a actuacións nos municipios.
Ao apartado de infraestruturas a Deputación destinará 15,6 millóns de euros, mentres que o deporte levará 11,2 millóns do orzamento para o 2027. Un 30% máis que neste 2026.
A seguinte partida máis elevada é a do turismo, con 9,3 millóns. Séguenlle cultura, con 6,5 millóns e acción comunitaria, con 4 millóns de euros.
O vindeiro 2 de novembro está previsto que este orzamento se presente no Parlamento de Galicia. Posteriormente, será aprobado pola corporación provincial o 6 de novembro nun pleno extraordinario. O obxectivo é que as contas entren en vigor o 1 de xaneiro.











