Pontevedra proxecta o núcleo de centralidade de Marcón na contorna da Casa da Cultura

PONTEVEDRA> A parroquia de Marcón, en Pontevedra, estreará núcleo de centralidade no 2022. O concello xa ten listo o proxecto para reformar a contorna da casa da cultura, o campo da festa e a igrexa, creando un espazo de encontro e mellorando a seguridade viaria e a accesibilidade. A intervención conta cun orzamento de 512 mil euros.

Marcón será a vindeira parroquia pontevedresa en contar cun núcleo de centralidade. Trátase da aposta do concello de Pontevedra por, aseguran, levar o modelo urbano máis aló do centro.

No caso de Marcón, Oubiña explica que o núcleo xa está definido. É o que forman a igrexa, o campo da festa e a Casa da Cultura. O proxecto contempla unha mellora da pavimentación da segunda plataforma e dos camiños que a rodean, seguindo os criterios de seguridade e accesibilidade.

A intención é crear unha rampla xunto ao muro de contención que una as dúas plataformas. No vial lateral, pola súa banda, optarase polos chanzos italianos, de pequena altura. Ademais, en todo o espazo substituirase o xabre actual por un formigón drenante e os camiños incorporarán luminarias a ras do pé.

O concello xa solicitou á Xunta que lles permita sobreelevar o paso de peóns que une a casa da cultura coa igrexa de Marcón para contribuír ao calmado do tráfico. O proxecto conta cun orzamento de 512.000 euros, financiado con fondos Feder. A intención do gobernó local é contratalo este ano e conta cun prazo de execución de cinco meses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí