O Boiro cae pola mínima co Osasuna B

    O Club Deportivo Boiro curtou a súa boa racha de resultados esta pasada fin de semana en Navarra. Os de Fredi Álvarez caían pola mínima ante o Osasuna B. Despois de catro xornadas sen coñecer a derrota, o Boiro caía derrotado por un gol a cero ante o Osasuna B, en partido adiantado á xornada do sábado. O tanto local chegaba ó pouco do inicio da segunda metade. Aínda así o filial rojillo fixo méritos de abondo para adiantarse antes no marcador, sendo o claro dominador do choque. Só despois do tanto local, foi cando os boirenses, xa á desesperada, melloraron no seu xogo e mesmo dispuxeron de varias ocasións para traerse un mellor resultado de terras navarras. A derrota deixa ó Boiro na décimo quinta posición na táboa clasificatoria con 24 puntos. Un punto por riba dos postos de play off de descenso que nestes momentos marca o Caudal Deportivo. Polo que respecta ó resto de resultados dos equipos galegos que militan nesta categoría destacar a derrota do Pontevedra en Pasarón ante o Racing de Santander por cero goles a un, idéntico resultado que o colleitado polo Racing de Ferrol na Malata ante o Mutilvera. Coruxo, Somozas e Celta B vencían nos seus compromisos ante o Tudelano, Ponferradina e Palencia, respectivamente.