POBRA> Esta noite cúmprese medio ano da desaparición de Diana Quer. Seis meses nos que as incógnitas son moitas máis que as certezas. As autoridades aseguran que hai avances internos na investigación, pero reafirman que tódalas hipótesis continúan abertas. Pouco ou moi pouco se sabe do motivo que fixo que a moza madrileña Diana Quer non regresase á súa casa da Pobra a madrugada do 23 de agosto tras gozar das festas do Carme dos Pincheiros cunhas amigas. Seis meses pasaron xa das declaracións duns pais destrozados, que a día de hoxe continúan defendendo que a súa filla segue viva. Milleiros de horas de traballo policial, rastrexos, e análises en laboratorio das pistas atopadas. A única tanxible, o teléfono móbil da Diana atopado dous meses despois da desaparición baixo a ponte da Autovía da Barbanza, a uns 15 quilómetros do último lugar onde foi vista. Aquí mesmo, a esta altura do Paseo do Areal na Pobra, e camiñando soa cara á súa casa de veraneo, foi vista Diana ás dúas e corenta da madrugada do 23 de agosto. Esta noite cúmprense seis meses exactos, nos que unha das cousas que parece seguro é que alguén levou á rapaza nun vehículo a partir deste mesmo punto. Podería ser esa mesma persoa, ou persoas, as que se desfixeron do seu teléfono uns quilómetros máis adiante. Informacións sobre posibles sospeitosos, moitas. Desde o entorno dos feirantes que eses días traballaban na vila, logo desmentido, ata un grupo de homes vistos esa noite no peirado de Taragoña. Mesmo se publicou a idea de que puidera estar nos Estados Unidos tras unha mensaxe enviada a SOS Desaparecidos desde ese país no que usurparon a identidade da moza. Pero certezas confirmadas, ningunha. O delegado do goberno asegura que as forzas de seguridade traballan intensamente e con todos os medios necesarios. Santiago Villanueva nega que non se estean producindo pequenos avances internos, pero que non son decisivos, e insiste en que todas as hipóteses están abertas. A investigación, en mans da Policía Xudicial da Coruña e a UCO de Madrid, céntrase en analizar toda a documentación, todas as probas e os testemuños recollidos. O delegado do goberno cre que o cruzamento de todos os datos permitirá resolver o caso.
Inicio Barbanza - Muros - Noia