Os emigrantes retornados volven saír á rúa

    RIBEIRA> A comitiva de afectados partiu dende a delegación de Facenda ata a praza do Concello, para reclamar un trato xusto nas cotizacións das pensións que perciben do estranxeiro. Como cada último mércores de mes, puntuais á súa cita, os emigrantes retornados volveron saír hoxe á rúa para denunciar a súa situación. Reclaman un trato xusto na cotización das súas pensións que perciben do estranxeiro. O número de participantes na mobilización vai sendo cada vez menor. Uns polo desánimo e o cansazo e outros moitos porque xa solucionaron o seu problema, grazas a sentenzas favorables e firmes, que obrigan a Facenda a devolverlle os cartos cobrados indebidamente. É o raio de esperanza que lles queda… E os que aínda non o conseguiron piden a mesma igualdade que o resto. E mentres agardan teñen solicitado tamén novas xuntanza con representantes dos distintos grupos políticos, tanto a nivel autonómico coma estatal, coa finalidade de que poñan solución ás súas reclamacións.