BOIRO > Os incendios están a afectar de xeito especial ó concello de Boiro. Durante a xornada do xoves rexistraronse tres novos focos nas zonas de Figueira cara Castelo de Vitres, en Mosquete e entre Sandrenzo e Velles. Nos tres casos trátase de pequenos lumes que afectaban a monte raso. Estes súmanse ós cinco focos do mércores, tres deles pequenos conatos e dous incendios que arrasaron con preto de quince hectáreas de monte.
Boiro está a ser un dos concellos da comarca do Barbanza máis afectados polo lume. Por iso, o concelleiro delegado de Protección Civil, Xoán León, quere facer un chamamento á cidadanía solicitando a súa colaboración para acabar cos incendios. Neste senso pediu ós veciños de Boiro que alerten dos posibles sospeitosos ás autoridades, tanto á Garda Civil como á Policía Local ou Protección Civil.
Polo momento non se detivo a ningunha persoa como posible autora dalgún dos incendios aínda que todo apunta a que a maioría deles son intencionados xa que acostuman a aparecer varios focos de xeito simultáneo.
Redacción Barbanza