OUTES> O BNG insta á Xunta a promover instalacións dedicadas á semente de bivalvo de cara a favorecer a recuperación do marisqueo. Os deputados nacionalistas, Rosana Pérez e Óscar Ínsua, visitaron esta mañá o criadeiro que a confraría de Noia ten no Freixo para coñecer o proceso de produción.
Nos momentos de crise que atravesa o marisqueo, cunha caída da produtividade que pon en risco o futuro do sector, é urxente a toma de medidas que permitan reflotar a actividade. Nesta liña, o BNG aposta pola produción de semente autóctona de ameixa e berberecho a través de instalacións como o criadeiro do Freixo.
Acompañados por responsables da confraría e do BNG na comarca de Muros Noia, os parlamentarios Rosana Pérez e Óscar Ínsua visitaron as instalacións e coñeceron as diferentes fases do proceso produtivo.











