Os estudantes volven ás rúas este xoves trala vitoria contra as reválidas

    O Sindicato de Estudantes do Barbanza únese á folga xeral deste xoves 9 de marzo convocada pola Plataforma Estatal en Defensa da Escola Pública. Critican que o novo “Pacto Educativo “ que propón o goberno central non é máis que a LOMCE disfrazada con outro nome. O Sindicato de Estudantes do Barbanza quere conseguir este xoves día 9 o éxito da folga do pasado mes de novembro, a máis multitudinarias nas convocadas nos últimos meses. Tras conseguir coas anteriores protestas a paralización das reválidas da LOMCE, os estudantes animan a toda a comunidade educativa a baleirar as aulas e volver saír ás rúas, por unha derrogación definitiva desta Lei. Aínda que o congreso dos deputados votaba maioritariamente non á LOMCE, e o Goberno central prometía un pacto de estado pola educación. O sindicato cre que os seus feitos desmenten as súas promesas. Desde o Sindicato aseguran que non queren máis promesas baleiras, e o que demandan é solucións, e o máis rápido posible. Cren que o busca o goberno do PP é dilatar esta situación de recortes progresivos na educación pública. Por iso, convocan á folga, e nesta ocasión de xeito especial, reclaman un maior apoio do alumnado de Formación Profesional, así como dos pais e nais de alumnos. E lamentan a decisión da Confederación Galega de ANPAS de retirar o seu apoio a esta folga. Os estudantes remataron a súa comparecencia insistindo tamén en que as súas familias se mobilicen contra a LOMCE xa que consideran que afecta a todos por igual. Como vén sendo habitual a concentración do Sindicato do Barbanza partirá este xoves día 9 do IES Número 1 de Ribeira ás doce da mañá, cara á praza do concello.