RIANXO> O incendio tiña lugar esta pasada madrugada nun taller situado no baixo dunha vivenda do lugar da Burata, na parroquia rianxeira de Taragoña. Non houbo que lamentar danos persoais, aínda que os danos materiais si foron cuantiosos.
O lume orixinábase ó redor das súas desta pasada madrugada. Unha chamada ó 112 dos seus propietarios alertou ós equipos de emerxencias que se desprazaron rapidamente ata o lugar e iniciaron as labores propias de extinción. Por fortuna non houbo que lamentar danos persoais, xa que a esas horas xa non había ninguén no taller. Os catro ocupantes da vivenda situada xusto enriba, dous adultos e dous menores, xa abandonaran o lugar antes da chegada dos bombeiros.
O lume afectou unicamente á planta baixa onde se sitúa o taller que quedou totalmente calcinado, así como tamén a un vehículo que se atopaba no seu interior. Para a súa extinción foron necesarias máis de catro horas. A consecuencia do fume existente a vivenda viuse tamén afectada, sendo necesaria a súa ventilación.
A Garda Civil, que tamén se trasladou ó lugar do sinistro, investiga agora as posibles causas que orixinaron o incendio.