Boiro despediu por todo o alto o seu entroido esta fin de semana

    O concello de Boiro vivíu este sábado unha xornada máxica ó celebrar o seu tradicional concursos de disfraces e carrozas, aprazado o martes pasado. O tempo acompañou case todo o desfile polas rúas da vila, e os boirenses e visitantes puideron gozar da creatividade e a diversión das distintas comparsas. Unha montaña rusa desatada…os monstros do bosque…africanos de troula no continente veciño…e por suposto os bombeiros…máis vale previr que lamentar. Todo estaba pensado á perfección a tarde deste sábado en Boiro para a celebración do seu día grande. Tralo aprazamento por causas meteorolóxicas o pasado martes do seu concurso de disfraces e carrozas, o sábado o tempo acompañou case todo o desfile no seu percorrido animando as rúas da vila. Cos últimos pasos da cabalgata carnavaleira comezou a chuvia, pero iso non acabou coa festa. Quedaba o máis importante, coñecer ós vencedores despois de tanto traballo na elaboración dos disfraces e carrozas. Cos premios entregados, tanto na categoría individual, como en grupos e carrozas, os participantes comezaban xa a traballar no disfrace do próximo entroido. Pero ó deste ano en Boiro aínda lle agardaba o broche final. Foi onte domingo coa celebración dos enterros, do Felipiño na parroquia de Escarabote, do Óso en Abanqueiro, e da Sardiña en Boiro. Un final de festa, con choreira incluida, a todo lume, e que deixou boa mostra de que unha das mellores formas de gozar do Entroido, é vivilo en Boiro.