Diagnóstico grave para o río Umia

    PONTEVEDRA > O río Umia ten no tramo que vai da presa de Caldas ata a desembocadura un total de 175 vertidos. Así o detectou a Estación de Hidrobioloxía da Universidade de Santiago que fixo un estudo sobre a situación do río para a Deputación de Pontevedra. Este luns déronse a coñecer os resultados e conclusións.

    Os complexos das Veigas de Almorzar, Ponte Baión e Cabanelas son os tres puntos do río Umia onde o volume de sustancias contaminantes é o máis elevado, superando incluso os rexistrados noutros ríos galegos. Nestos tres puntos supérase ata 158 veces as concentracións admisibles para a vida dos Salmónidos, cando a media dos índices de contaminación química é de 18 puntos. O estudo realizado para a Deputación de Pontevedra pola Estación de Hidrobioloxía da Universidade de Santiago conclúe que tódolos contidos en nitratos, nitritos e amonio medidos reflicten deficiencias na capacidade de autodepuración das augas do Umia. A situación do río é grave, pero os estudiosos cren que cun control dos vertidos e coa instalación de depuradoras ou pozos de decantación se podería recuperar.

    O dato máis preocupante é alta contaminación orgánica que hai nas augas do Umia, especialmente nos complexos de Fontenla e Veigas de Almorzar, que reciben os aportes de augas fecais de Caldas. O mesmo pasa no complexo de Godos, e á altura do Pereiro, neste caso cunha gran carga de amonio causada polos refugallos dunha granxa porcina. A pregunta de cara o verán é saber se un se pode ou non bañar neste río. Os expertos aconsellan facer un estudo microbiolóxico anque recoñecen que fóra das praias fluviais existentes non se debería bañar un.

    No estudo apúntanse que está danado o bosque de ribeira no río Umia e que a materia orgánica en sedimento é de moi mala calidade, o que prexudica a reproducción dos peixes. Sinálase ademais a presenza dunha especie vexetal invasora, a elodea do Brasil, unha planta de acuario que procede dun estanque construído no parque de Caldas, e que supón un obstáculo considerable ó fluxo natural da auga.

    Redacción Salnés