Detidos en Ribeira catro individuos por agresións durante a movida nocturna

    RIBEIRA > Os axentes da Policía Nacional de Ribeira procederon á detención de catro individuos acusados de causar lesións a outros cidadáns durante a movida nocturna en dous locais de Ribeira. Os catro detidos pasaron xa a disposición xudicial.

    policiaribeira_300_220206.jpgAs primeiras detencións, dos dous veciños de Ribeira, M. V. V. e M.M. G. P., alias ‘Telico’, producíronse o pasado luns mentres que o outro autor dos feitos, J. R. G. S. e veciño da Pobra do Craamiñal, era identificado o martes.

    Os tres individuos, todos eles de 18 anos, están acusados de causar lesións a outro mozo ó que lle propinaron unha paliza no pub Desván, ubicado na zona de Bandourrío en Ribeira, onde se concentran a maior parte dos establecementos hostaleiros nocturnos. Durante a liorta, que tivo lugar o pasado día 12 de febreiro, os detidos causáronlle diversas feridas na cara ó agredido, que mesmo chegou a necesitar puntos de sutura.

    Esta non foi a única actuación efectuada pola Policía xa que os axentes procederon tamén á detención doutro veciño de Ribeira de 24 anos que responde ás iniciais V. L. M. O detido, que presentaba antecedentes por lesións e roubo con forza, é o autor das lesións ocasionadas a dous mozos noutra pelexa acontecida no pub Cúpula, causándolle a un deles feridas na cabeza e ó outro fractura de tibia e peroné.

    Redacción Barbanza