A Pobra acolle este venres o espectáculo de drons e pirotecnia, aprazado no Nazareno

A POBRA> Os pobrenses poderán por fin despedir por todo o alto o Nazareno. Despois de que o pasado 16 de setembro as condicións climatolóxicas obrigasen a aprazar o espectáculo de fin de festa, reprogramouse para este venres 25 de outubro.

O agardado espectáculo de drons e fogos de artificio previsto para o Nazareno recalará por fin na Pobra este venres. Estaba previsto inicialmente para pechar as festas o 16 setembro pero o forte vento daquela noite obrigou ó seu aprazamento. Dende entón, concello e comisión de festas traballaron para buscar a mellora data que será finalmente este venres cando os pobrense poderán gozar dun espectáculo único en España.

O espectáculo terá lugar no paso dos Areos ás once da noite. Estará precedido pola actuación da orquestra Gran Parada a partir das nove e media na Praza Alcalde Segundo Duran mentres que unha disco móbil pechará as celebracións a partir da medianoite.