A Xunta licita as obras da EDAR de Queiruga por máis de 1’7 millóns de euros

PORTO DO SON> O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a localidade para analizar co alcalde as particularidades do proxecto, que agardan poida iniciarse xa a finais deste ano.

A nova EDAR de Queiruga, na que a Xunta investirá algo máis de 1’7 millóns de euros, virá a dar resposta a unha vella demanda deste Concello, que é de dotar con este importante servizo básico a unha das principais parroquias costeiras do municipio.

Segundo explicou o propio delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, o proxecto vén de saír xa a licitación, polo que, se todo marcha sobre os prazos previstos, as obras poderían estar xa iniciadas no último semestre deste ano.

A nova planta de depuración, que dará servizo a unha poboación estimada duns 1.500 veciños, e estará emprazada no lugar da Ponte.

As obras prevén a instalación dunha nova rede de colectores e a  instalación de tres estacións de bombeo e dous impulsores. Segundo explicou o alcalde, Luís Oujo, trátase dun paso máis cara a consecución do tan ansiado saneamento integral do Concello.

Oujo sinalou tamén o enorme esforzo inversor realizado en materia de saneamento pola Xunta de Galicia e o Concello nos últimos anos, por riba, segundo el, dos dez millóns de euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí