NOIA> Tras un longo período de tramitación, por fin deron comezo as obras de remodelación do estaleiro de Hermida en Abruñeiras. Ademais de acoller o novo centro de usos náuticos, o concello de Noia busca recuperar este inmoble, expoñente do patrimonio industrial relacionado coa carpintería de ribeira.
Malia o retraso motivado polas modificacións do proxecto, hai unhas semanas comezaban as obras de remodelación do estaleiro de Hermida, en Abruñeiras. Os traballos que se están a acometer no exterior do inmoble céntranse no revestimento da fachad. Mentres, no interior, os operarios traballan para establecer a división das estancias en que se dividirá o novo centro de usos náuticos que servirá de sede para o Club de Remo.
Ademais de darlle un novo uso ás instalacións, o concello busca a recuperación do patrimonio industrial vinculado á carpintería de ribeira polo seu valor histórico e tamén turístico.
Os traballos, cun orzamento próximo ós 400 mil euros, contan cun prazo de execución de tres meses. sen embargo, está pendente aínda a autorización de Costas para realizar as obras que afectan á zona de dominio público marítimo terrestre.