M. Ruíz: ‘Os orzamentos deste ano teñen un eminente carácter transformador’

    RIBEIRA> O documento orzamentario ascende a máis de 28 millóns e medio de euros, un 33% máis con respecto ó do exercicio anterior, grazas en parte á aportación de fondos estatais para poder desenvolver o proxecto ‘Riveira Atlántica’. En palabras do propio alcalde, Manuel Ruíz, o orzamento deste ano presentase cun eminente carácter trasnformador, ou o que será o mesmo, a planificación da que será a Ribeira do futuro. Neste sentido aludiu ó importante cambio de xerarquía que se pretende introducir no aspecto viario, dándolle maior importancia ás persoas por riba dos vehículos, a través de proxectos importantes como son os plans de accesibilidade e mobilidade urbana sostible, entre outros, con actuacións de gran relevancia como é a remodelación integral da Avenida das Carolinas ou a posta en marcha do transporte urbano circular. A área social verase incrementada este ano nun 7’06%, descende o gasto de persoal a cifras inferiores á do ano 2008 a pesar de que se convocarán un total de 63 novas prazas máis, En canto ós niveis de endebedamento, aínda que aumentan nun 8% con respecto ó ano anterior, sitúanse no 48%, moi lonxe dos límites que permite a lei. O documento orzamentario xa lle foi entregado ós grupos da oposición para o seu estudo e análise, e a intención do executivo pasa por levalos a pleno o próximo venres para a súa aprobación inicial.