O BNG de Noia demanda a renovación dos Xulgados

NOIA> O BNG de Noia levará a pleno a necesidade de renovación dos xulgados ante a falla de espazo e o mal estado das actuais dependencias xudiciais. Trasladarán tamén esta proposta ó Parlamento a través da deputada nacionalista, Rosana Pérez.

Tras reunirse coas federacións de Xustiza da CIG e de UXT, o BNG de Noia levará a pleno unha iniciativa solicitando a mellora das condicións dos xulgados, ben sexa a través da rehabilitación integral do actual edificio ou do traslado das dependencias xudiciais a outra sede.

Piden a realización dun informe por parte dos servizos técnicos que determine as necesidades e requisitos que deben reunir os xulgados para garantir o seu bo funcionamento. En paralelo a este proceso, solicitan o traslado temporal de parte da documentación almacenada no rexistro para evitar o seu deterioro derivado das filtracións de auga e liberar espazo mentres non se adopta unha solución definitiva.

Os nacionalistas trasladarán o asunto tamén ó Parlamento a través da súa deputada Rosana Pérez quen denuncia non só os problemas que presentan as instalacións senón tamén a falla de persoal nos xulgados de Noia que prestan servizo a unha poboación de máis de 27 mil habitantes.

Dende o BNG consideran insuficientes as obras que se están a executar no marco dun plan autonómico de infraestruturas xudiciais posto que suporán apenas un lavado de cara para as instalacións

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí