BOIRO> O incendio afectou a varias zonas da parroquia de Cures. Durante a tarde-noite chegou a activarse a situación dous debido á proximidade das lapas ás vivendas. Un dos primeiros focos producíase na zona da Figueira. Ó mediodía, a columna de fume e lapas, avanzaba a velocidade de vertixe pola serra do Barbanza, axudada polas altas temperaturas e a forza do aire. Os medios terrestres apenas podían facer nada nesa zona de difícil acceso, e os aéreos, tampouco, debido ás condicións de vento existente. Ás nove da noite a situación empeorou. Nese tempo e segundo as primeiras estimacións de Medio Rural levaban ardidas xa máis de noventa hectáreas. Xa era, sen dúbida, o maior incendio dos que se levan rexistrado na comarca no que vai de ano. O lume estaba totalmente incontrolado e a situación facíase, cada vez, máis complicada xa que as lapas aproximábanse a varios núcleos de vivendas como é o caso de Balteiro e Lidón. Foi nese momento, entrada xa a noite cando se decretou o nivel de alerta dous debido á proximidade do lume a casa. Para os veciños deste último núcleo boirense foron momentos de gran tensión e medo, xa que as lapas avanzaban cara as súas casas. A pesar do medo vivido, non houbo que lamentar danos persoais, e tampouco tiveron que desaloxar as súas vivendas, grazas ó traballo dos equipos de emerxencias, que pasaron toda a noite na zona. O incendio de Cures non foi o único que se rexistraba esta pasada fin de semana no Barbanza. En Ribeira producíanse tamén varios lumes, aínda que a menor escala, que afectaron á zona de salmón, en Oleiros, e tamén a Palmeira, obrigando a mobilizar a estas dúas zonas a varios equipos de extinción.
Inicio Barbanza - Muros - Noia