O Boiro deixa escapar unha nova oportunidade de aproximarse á salvación

    BOIRO> Os boirenses non pasaron do empate a ceros ante o Palencia, un dos seus máximos rivais á hora de eludir o descenso. Nova oportunidade malgastada polo Boiro no seu difícil camiño de amarrar a permanencia na categoría. O encontro de onte contra o Palencia estaba marcado coma crucial no calendario dos boirenses á falla de catro xornadas para o remate da competición ligueira. Ante si un rival cos seus mesmos apuros, metido tamén de cheo na loita para eludir o descenso. Os dous equipos sairon de inicio con medo, sabedores do que ambos conxuntos se xogaban. O adestrador local meteu no campo a todo o seu arsenal ofensivo consciente do que se xogaba e da importancia dos tres puntos. A primeira ocasión para o Boiro non tardaría en chegar. Un centro de Juampa non foi aproveitado por Rubén Rivera. A partir de ahí chegadas de unha a outra área con certo perigo, pero o marcador parecía non querer moverse. Antes do descanso Cano tería unha nova oportunidade para o Boiro, aínda que o seu remate pegaría no poste. Coa segunda metade, chegaba tamén a ocasión máis clara para os locais. Rubén Rivera despois de roubarlle o balón a un defensa plántase só nun man a man co meta visitante e o seu remate estrélase no longueiro. A partir de ahí o dominio do Boiro foi case absoluto. Os locais meteron ó Palencia practicamente no seu campo, pero o marcador xa non se movería do cero a cero inicial. Nos minutos finais do encontro, nunha xogada embarullada, o colexiado expulsou ó local Jimmy por un golpe fortuito coa plancha no peito dun rival. Cun menos os boirenses tiveron que resistir as embestidas finais dun Palencia que quería pero que tampouco podía. O Boiro cae unha posición, é décimo oitavo con 35 puntos, superado agora precisamente por un Palencia cos mesmos puntos pero co gol average a favor. Para atar a permanencia, ó Boiro quedaranlle catro partidos a priori complicados: Celta B, Pontevedra, Racing de Ferrol e Burgos. Polo que respecta ó resto de resultados dos equipos galegos cabe destacar unha nova vitoria do Celta B, esta vez ante o Coruxo, cero a catro, e segue compartindo liderato coa Cultural Leonesa. Un conxunto este último que superaba precisamente ó Racing de Ferrol por tres a un. Nesta xornada o Somozas, actual colista, deu a sorpresa e impúxose no outro derbi galego da xornada ó Pontevedra por un gol a cero.