POBRA > A coporación pobresa celebrou reuniuse na tarde do xoves en pleno ordinario. Un dos puntos máis importantes da orde do día foi a proposta do equipo de goberno sobre a solicitude de financiación para levar a cabo o saneamento na Ribeiriña cun orzamento de execución superior ós 897 mil euros.
O Pleno celebrado onte pola noite pola corporación da Pobra do Caramiñal deu luz verde ó proxecto de saneamento da Ribeiriña co voto a favor de tódolos grupos con representación municipal.
O voceiro do Partido Socialista, Antonio Moure, amosou a súa satisfacción porque a Consellería de Medio Ambiente dera o seu visto bo ó proxecto.
Para os nacionalistas a obra ten tamén unha gran importancia, aínda que como sinalou o propio Severino Romero Davila, puido terse acometido con anterioridade.
O voceiro popular, Ricardo Lago, lembrou os trámites levados a cabo polo executivo para que o proxecto fora unha realidade.
Para a execución deste proxecto o executivo mantivo xa contactos coa Consellería de Medio Ambiente para incluilos nos seus orzamentos para o presente ano.
A actuación, cun orzamento superior ós 897 mil euros, contará con tres bombeos para as augas residuais para conectar co colector a instalar á rede existente.
Durante o plano o alcalde amosou a súa satisfacción pola aprobación desta obra xa que son dunha gran importancia para os veciños desa zona, continuando a súa política para a consecución do saneamento integral.
Outro dos puntos de maior importancia na sesión plenaria de onte foi a aprobación definitiva do regulamento do Consello Escolar Municipal, unha vella demanda dos grupos da oposición e tamén da comunidade educativa do municipio.
Tan só o Partido Popular votou a favor da aprobación definitiva do regulamento do Consello Escolar Municipal. O Bloque Nacionalista Galego abstívose mentres que o Partido Socialista votou en contra.
Os socialistas basearon a súa oposición a este regulamento no feito de que non estean representados tódolos grupos políticos.
Esta razón tamén foi criticada polos nacionalistas que foron os únicos que presentaron unha alegación ó regulamento referida a que os tres grupos políticos tivesen puntual infrmación sobre os asuntos a tratar no Consello Escolar e que foi desbotada polo equipo de goberno.
Foi precisamente Ricardo Lago o encargado de explica-las razóns que levaron ó executivo a rexeita-la alegación presentada polos nacionalistas.
Durante a sesión tamén se aprobou por unanimidade o acordo regulador das condicións de traballos dos funcionarios públicos do concello.
Na orde do día da sesión tamén se incluían tres mocións presentadas polo grupo municipal do BNG relativas á mellora da estrada de Lesón e a contratación de persoal, así como a solicitude de inclusión dos ‘Chans do Barbanza’ como Lugar de Interese Comunitario e Zona de Especial Conservación dos Valores Naturais e a incorporación do ‘Canón do Barbanza e Pozas do Río Pedras’ na Rede Galega de Espazos Protexidos como entorno de especial protección dos valores naturais. Propostas as tres que foron desbotadas polo Partido Popular.
Redacción Barbanza