A Xunta proxecta unha rotonda para mellorar a fluidez do tráfico en Portosín

    PORTO DO SON> O alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, reuniuse esta mañá coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, para abordar diversas actuacións de mellora na estrada AC-550 ó seu paso por este municipio. Na xuntanza acordouse iniciar os trámites para a execución dunha rotonda que mellorará a fluidez no tráfico e aumentará a seguridade de acceso ó porto, na que circulan vehículos pesados e que no verán rexistra atascos por mor da afluencia turística. No encontro tamén se abordou a posibilidade de executar varias sendas en puntos prioritarios desta estrada co obxectivo de permitir que os usuarios poidan facer desprazamentos cotiás andando ou en bici dun xeito seguro. O concello sonense deberá agora remitiralle á Xunta a identificación dos treitos obxecto da execución destas sendas para que a consellería de Infraestruturas poida encaixar as actuacións máis axeitadas ás necesidades da estrada e dos seus usuarios.