Educación mellorará as deficiencias no colexio Fernández Varela

    POBRA> Así o anunciou esta mañá o Xefe Territorial, Indalecio Cabana, despois de manter unha xuntanza con membros do equipo de goberno e a directora do centro educativo, María José Pacheco. As demandas de mellora das instalacións solicitadas por parte dos pais e a propia dirección do colexio Fernández Varela, que mesmo foron tamén recollidas por diversos grupos políticos, serán finalmente solucionadas. O xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, comprometeuse a levar a cabo de xeito inmediato diversas actuacións no centro por un importe de aproximadamente uns 75 mil euros. Trátase fundamentalmente da reparación dos baños e as fiestras, así como tamén a mellora do patio exterior. Dende o concello pobrense agradeceron a rápida resposta da consellería de Educación, coa única finalidade de mellorar as condicións de estudio dos alumnos. O Xefe Territorial de Educación aproveitou tamén a visita para dar a coñecer os investimentos realizados nestes últimos catro anos na localidade, que tan só en inversión directa en obra superou o medio millón de euros, unha cantidade á que habería que sumarlle tamén outras partidas como o propio gasto de funcionamento dos centros ou plans de biblioteca, entre outros.