Dous ciclos musicais encherán a programación cultural rianxeira ata decembro

    RIANXO> Trátase dun ciclo para novos intérpretes e outro para músicos máis consagrados. Rianxo, berce de grandes escritores, pretende facerse tamén un oco no apartado musical. Por esta razón, dende o Concello, aproveitando o labor formativo levado a cabo nos últimos anos dende a Escola de Música, de onde saíron importantes músicos profesionais, vén de poñer en marcha precisamente un ciclo musical que poña en valor a moitos destes novos intérpretes. Dándolles un espazo de difusión e coñecemento público, no momento no que moitos deles que inician a súa prometedora carreira musical. O ciclo de novos intérpretes iniciarase mañá venres a partir das nove da noite ccun concerto de Adrián Pais e Paula Gago. Ó que lle seguirán posteriormente outros autores como Aida Saco, Roberto Bolaño, Sabela Galbán, Iago Hermo ou Antón Alcalde, entre outros. Á par deste ciclo de novos intérpretes, o departamento de Cultura rianxeiro tamén desenvolverá un ciclo de música de autor, co que se pretende achegar a Rianxo a primeiras figuras do panorama musical galego con artistas como Sonia Lebedynski, Javier Ruibal ou Ses.