O BNG propón excluír á flota do xeito do reparto de cotas

    RIANXO> O BNG propón excluír ó xeito das restricións da política de cotas. Así o manifestou a voceira nacional, Ana Pontón, na xuntanza mantida cos responsables da confraría de Rianxo. A situación da flota do xeito foi o tema central sobre o que xirou a xuntanza mantida pola voceira nacional do BNG cos representantes da confraría de Rianxo. Os nacionalistas propoñen que este arte quede fora das restricións impostas pola política de reparto de cotas da sardiña posto que se trata dunha flota artesanal e que desenvolve a súa actividade en augas interiores. Defenden a xestión directa da pesca nestas augas nas que faenan ó redor de catrocentas embarcacións en toda Galicia. Durante a xuntanza abordáronse tamén outros asuntos que afectan á flota artesanal e marisqueira como a baixa produtividade nos Lombos do Ulla a falta dun plan de recuperación. No eido da comercialización, os nacionalistas critican o escaso control na importación de produtos pesqueiros no mercado galego, favorecendo a fraude na identificación da súa procedencia e a competencia desleal.