O Boiro inicia co Celta B o seu particular vía crucis cara a permanencia

    BOIRO> Á falla de catro xornadas para o remate da competición os boirenses ocupan praza de descenso directo. Son décimo oitavos con 35 puntos. O Club Deportivo Boiro enfrontarase este domingo ó Celta B. O choque antóllase complicado para os de Fredi que necesitan imperiosamente a vitoria se queren continuar o ano que vén na división de bronce do fútbol español. Ó partido non chega no seu mellor momento, con sete xornadas sen coñecer o trunfo. Todo o contrario que un Celta B, con pleno de vitorias nos últimos oito partidos disputados, o que o situou líder desta 2ª B, empatado a puntos co Racing de Santander. Na ida en Barraña os vigueses impuxéronse por un claro un a catro. O encontro, cuxo comezo está fixado para o domingo ás doce da mañá, seguro reunirá a moitos afeccionados boirenses que se achegaran a Vigo a presenciar o choque. Nesta xornada destacar tamén o dobre enfrontamento entre equipos galegos como e o caso do duelo ferrolán entre o Racing de Ferrol e o Somozas e o dos pontevedreses Pontevedra co Coruxo.