A flota analiza en Ribeira as consecuencias da entrada en vigor do veto á pesca de fondo

RIBEIRA> O concello de Ribeira acolleu esta mañá unha nova reunión do Consello Local de Pesca para analizar as consecuencias da entrada en vigor do veto europeo á pesca de fondo. Ademais de representantes do sector pesqueiro e responsables municipais, na xuntanza estivo presente o Director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación, Antonio Basanta.

Nova xuntanza do consello local de pesca de Ribeira para analizar o novo regulamento da pesca de fondo e coñecer a afectación sobre a flota dende a entrada en vigor do veto europeo. Os patróns maiores de Ribeira, Aguiño e Palmeira así como os representantes das diversas asociacións de profesionais do sector pesqueiro transmitiron ó director xeral de Pesca as consecuencias de non poder faenar en varios caladoiros do Atlántico nos que o arrastre e palangre de fondo viñan traballando tradicionalmente.

Ademais das consecuencias desta prohibición, durante a xuntanza abordáronse tamén outros asuntos como os relacionados coas restricións na pesca deportiva e os usos recreativos na contorna da Illa de Rúa e Guidoiros. O concello presentará alegacións ó proxecto que actualmente está en trámite de audiencia posto que prohibe o exercicio da pesca recreativa nunha superficie de case 11 quilómetros cadrados na ría de Arousa e limita por completo o acceso á Illa de Rúa. No consello estiveron presentes tamén os responsables dos distintos grupos da corporación así como do tecido empresarial e asociativo da vila.