Pita, descontento coa xestión da Deputación da reforma de Luis Rocafort

    SANXENXO> O concello de Sanxenxo, descontento coa xestión da Deputación de Pontevedra das obras da rúa Luis Rocafort. Esta mañá, o alcalde denunciaba que non recibira resposta á súa petición de facer 20 prazas de aparcadoiro en batería; unha solicitude que, ademais, trasladara a plataforma veciñal que se opoñía ao proxecto provincial. Gonzalo Pita insistiu en que el estará do lado dos veciños. Rompeuse a boa sintonía entre o concello de Sanxenxo e a Deputación de Pontevedra na reforma da avenida Luis Rocafort. Hai varias semanas, o alcalde trasladou ao organismo provincial a petición de facer 20 prazas de aparcadoiros en batería; solicitude que non tivo resposta. A proposta suporía a redución da beirarrúa de 6 a 4 metros no treito que transcorre entre o centro de saúde e o centro de Telefónica. Deste xeito, tamén se atendería á petición da plataforma veciñal que pedía máis aparcadoiros na zona, chegando ás 120 prazas. Tamén preocupa a dificultade que vehículos grandes, como autobuses, poden ter para entrar na rúa dende o paseo de Silgar. Por iso Pita pediu incorporar estes cambios, asegurou que o goberno local non vai consentir a paralización das obras, e recordou que as arcas municipais achegan o 30% do financiamento. Esta non é a única xestión da Deputación que non gusta ao goberno local. Tamén critican que case dous anos despois de facerse co executivo provincial, non haxa novas sobre o futuro da estrada de Dorrón. Por todo, o rexedor considera esgotada a vía diplomática. Pola súa banda, dende a Deputación de Pontevedra non quixeron facer declaracións. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/04abril/25/pita_luis_rocafort_600px.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2017/04abril/25/pita_luis_rocafort.mp4{/flowplayer}