Malestar en Noia ante a falla de información polo inicio das obras de rexeneración da Ría

    NOIA> Os tres grupos da oposición: BNG, PSOE e Marea veñen de esixirlle ó equipo de goberno a convocatoria urxente da Comisión de Mar onde tratar este asunto. O inicio esta semana das obras de rexeneración da Ría está a suscitar un enorme malestar en Noia, principalmente nos tres grupos que conforman a oposición neste Concello. BNG, PSOE e Marea critican ó equipo de goberno pola falla de información ó respecto. Os tres grupos esixen a convocatoria urxente da Comisión de Mar, aludindo a un compromiso adquirido polo propio executivo de convocar a este órgano con carácter previo ó comezo de calquera actuación. Nun comunicado feito público polas tres forzas falan tamén do acordo acadado en pleno por unanimidade de tódolos grupos para que se que se realizaran as xuntanzas informativas necesarias e se estableceran tódalas medidas de seguridade posibles para evitar picos de contaminación na Ría que puidesen afectar ós bancos marisqueiros. Segundo eles, este acordo está sendo incumprido, o que está a xerar unha enorme preocupación, non só entre os grupos da oposición, senón tamén entre o propio sector do mar. Precisamente a Plataforma en Defensa da Ría de Muros e Noia vén de mostrar tamén o seu malestar polo inicio desta actuación, criticando o feito de que non os tiveran informado con anterioridade sobre o que se tiña pensado facer e as medidas de seguridade medioambiental que se van a levar a cabo. Por esta razón dende Plademar piden tamén a paralización das obras de dragado ata que se cumpra co acordo plenario e se informe ós veciños sobre o proxecto que se vai a levar a cabo.