A inminente chegada do circo Viena a Ribeira tralos conflitos xurdidos no resto da comarca tampouco estará exenta de polémica. Dende o BNG veñen de presentar unha iniciativa para declarar ó concello, vila libra de circos e feiras con animais. Non é a primeira vez que o BNG promove unha iniciativa para rexeitar os espectáculos con animais en todo o termo municipal. Xa o fixera no 2014 pero os votos en contra de PP e IPdeR impediron a súa aprobación. Agora coa polémica xerada pola presenza do circo Viena Roller na comarca, que a partir deste xoves ten previsto instalarse en Ribeira, os nacionalistas volven poñer sobre a mesa o debate sobre as condicións en que viven os animais en cativerio. A diferenza do acontecido en Boiro, onde chegou a precintarse o circo impedindo que celebrase as súas funcións, todo apunta a que en Ribeira si poderán abrir as súas portas. Na actualidade, á espera de ver que acontece co iniciativa dos nacionalistas, non existe normativa algunha que prohiba este tipo de espectáculos. Aínda así, xa iniciaron os contactos con asociacións animalistas para tentar que o circo elimine da súa función os números con animais. O BNG pide ademais, a través desta proposta, que non se autorice a instalación de publicidade deste tipo de espectáculos e que se promova, dende o concello, a adopción de animais da canceira municipal a través de campañas de concienciación.
Inicio Barbanza - Muros - Noia