Rescatado un veciño de Boiro que quedou atrapado nun incendio no seu piso

BOIRO> O incendio orixinábase ó redor das oito desta mañá. Foi o propio inquilino do piso, un segundo, do edificio número 47 da rúa Pesqueiras, en Cabo de Cruz, o que alertou ós equipos de emerxencias.

Ata alí desprazáronse rapidamente membros do Servizo Municipal de Emerxencias, Policía Local e Garda Civil, así como varias dotacións do Parque Comarcal de Bombeiros de Boiro.

Foron estes últimos ós encargados de evacuar ó único ocupante do piso, incapaz de abandonalo, polo intenso fume existente.

Unha vez rescatado, foi trasladado en ambulancia ó Hospital da Barbanza, aínda que o seu estado non revestía gravidade.

A Garda Civil xa iniciou unha investigación para tratar de esclarecer todo o acontecido. As primeiras sospeitas apuntan a que puidera ser intencionado.

Ó parecer o home vivía de alugueiro e o lume orixinouse varias horas antes de que fora a executarse o alzamento por impago.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí