O CD Boiro estará un ano máis na 2ª B

    BOIRO> Os boirenses ertificaron onte domingo ante o Burgos a súa permanencia na categoría, vencendo con total claridade ó Burgos por cinco goles a un. Nada máis asubiar o colexiado a fin do partido, xogadores e afección festexaron sobre o propio céspede de Barraña a permanencia na 2ª B. A ocasión non era para menos xa que, despois do gran esforzo realizado , fundamentalmente nas últimas xornadas , a salvación estaba garantida. O encontro de onte foi máis plácido do agardado, impoñéndose por un claro cinco a un ó seu rival, un Burgos que chegaba a Boiro tamén necesitado, pero que se diluíu coma un terrón de azucre ante a superioridade dos locais. A pesar do abultado do resultado final, o Boiro non conseguiría adiantarse no marcador ata o 47. Foi no tempo engadido da primeira metade, cando Rubén Rivera enviou ó fondo da portería burgalesa un lanzamento de falta lateral de Borja Yebra. Á volta dos vestiarios, o Boiro seguíu coa mesma dinámica de xogo, levando a iniciativa e buscando a presión alta na saída de balón do contrario. Nunha rápida transición ofensiva, no 55 chegaba o segundo tanto obra de Jorge García en propia meta. Dez minutos máis tarde, o Burgos metíase de novo no partido cun tanto de Chevi. O medo volvía a grada de Barraña que xa se cheiraba unha nova remontada visitante. Pero todo o contrario. Os de Fredi Álvarez seguiron apretando, aproveitándose dun novo tanto en propia meta do Burgos nun saque de esquina para facer o tres a un. O gol derrumbou ós casteláns-leones que viron como Cano en primeira instancia ó culminar unha contra, e posteriormente Pedro Beda, a centro de Marcos Álvarez, co tempo xa practicamente agotado, deixaban o marcador no 5-1 definitivo.