Cincuenta establecementos participan este sábado na Pink Fashion Night de Noia Histórica

    NOIA> Medio cento de establecementos comerciais e hostaleiros sumaranse á Pink Fashion Night que se celebrará este sábado en Noia. Ademais de descontos do vinte por cento en tódolos artigos, desenvolveranse actividades de animación durante toda a xornada. Tralo éxito das últimas edicións, Noia Histórica agarda bater records nunha nova edición da Pink Fashion Night. Trátase dunha das iniciativas comerciais máis importantes da campaña ‘É primavera en Noia, que vén desenvolvendo a patronal local en colaboración co concello, a Xunta e a Deputación. Os establecementos participantes permanecerán abertos este sábado ata as once de noite e ofrecerán descontos especiais, a maioría do vinte por cento. Dirante toda a xornada haberá actividades de animación e diferentes espectáculos. Obradoiros de galletas, de chapas ou de tatoos, inchables, exhibición de grafittis e de breakdance. Todo amenizado por unha cabina móbil e o monólogo de Oswaldo Digón como peche da xornada. A Pink Fashion presenta ademais unha imaxe renovada co obxectivo de seguir atraendo a máis participantes e, sobre todo, clientes.