O BNG do Barbanza presenta emendas ós orzamentos da Xunta por valor de 31,5 millóns de euros

BARBANZA> O BNG do Barbanza presentou alegacións ós orzamentos da Xunta por valor de 31 millóns e medio. No eido económico destaca a necesidade de crear chan industrial e apoiar ó sector do mar mentres que no aspecto social demandan maior investimento en sanidade e educación.

O vindeiro martes debaterase no Parlamento a aprobación definitiva dos orzamentos da Xunta para 2025. Dende o BNG do Barbanza agardan que o goberno autonómico teña en conta algunha das numerosas emendas presentadas reclamando necesidades de investimento na comarca. A principal: a dotación de chan industrial posto que está esgotado nos catro concellos da bisbarra.

Os nacionalistas propoñen tamén un paquete de emendas relacionadas co sector do mar que alcanzan os 15 millóns de euros. Entre elas, melloras portuarias, unha nova EDAR en Boiro e un ambicioso plan denominado InvesRías, a executar ata 2030 que inclúe unha investigación completa sobre a mortaldade de marisco na ría de Arousa e medidas concretas de rexeneración dos bancos.

No eido social, dende o BNG volven reclamar a ampliación do hospital do Barbanza, unha ambulancia medicalizada, unha partida específica para a execución da residencia de Ribeira ou o centro de día de Rianxo.

Reclaman, xa de xeito xenérico, melloras en sanidade e ensino e un plan de vivenda pública.