A POBRA> Máis de 600 motos daranse cita esta fin de semana na décima edición da Concentración Moteira ‘SinFrenos’ que se celebrará na contorna do paseo dos Areos. Haberá exhibicións, concursos e unha festa con sesións DJ.
A concentración moteira ‘Sin Frenos’ estrea emprazamento este ano. Na que será a súa décima edición trasládase dende Cabío, onde adoitaba celebrarse, ata o paseo dos Areos.
Dará comezo o sábado a partir das catro da tarde coa confirmación de inscricións e unha ruta ata o Campiño. A continuación, xa de volta na Pobra, terá lugar a primeira sesión da exhibición Cajó Stunt Rider e os diferentes xogos e concursos. Trala cea no centro sociocomunitario continuarán as exhibicións e posterior festa con sesións DJ:
Na xornada do domingo desenvolverase unha ruta moteira polos concellos de Boiro, Noia e Porto do Son que rematará cun xantar de confraternidade e a entrega de agasallos e trofeos.
Dende o Motoclub SinFrenos quixeron agradecer a colaboración do concello e dos patrocinadores que fixeron posible manter esta cita no calendario durante toda unha década.