Arousa Norte presume de gastronomía en Xantares

BARBANZA> A Mancomunidade de Municipios Arousa Norte participou un ano máis na feira gastronómica Xantar, en Expourense, que se veu celebrando durante a fin de semana. A finalidade non era outra que tratar de convencer ós turistas da riqueza gastronómica da zona.

A gastronomía é sen dúbida unha das principais motivacións polas que o visitante elixe un determinado destino. E Arousa Norte non ía ser menos. Por esta razón un ano máis a Mancomunidade volveu a apostar pola feira Xantares en Expourense para promocionar esta comarca.

Dende o xoves no stánd de Arousa Norte desenvolvéronse diversas actividades de cara a dar a coñecer aínda máis esta zona. Unha das máis importantes tiña lugar o sábado e consistiu nun showcooking de promoción do Camiño A Orixe, o camiño do Barbanza a Santiago, a través dun produto elaborado e inspirado nun menú peregrino.

O resultado foi do máis positivo e tódolas persoas que tiveron oportunidade de degustar algúns dos pratos presentados en Expourense destacaron a súa excelencia. O único que resta agora e que repitan, pero xa cunha visita in situ á comarca.