Unha veciña de Porto do Son denuncia que unha xardineira lle impide acceder ó seu garaxe

    PORTO DO SON> Unha veciña de Porto do Son denuncia que leva dous anos sen poder acceder co seu coche ó interior do garaxe por mor das obras realizadas na contorna da casa consistorial. A instalación dunha xardineira, un metro máis longa que a anterior, impídelle realizar a manobra de acceso. Dende que deran comezo as obras de remodelación na contorna do concello e da gardería infantil, esta veciña de Porto do Son advertiu ós técnicos e persoal de obras das dificultades que lle ía ocasionar a instalación desta nova xardineira que mide un metro máis da que estaba anteriormente no seu lugar. Sen embargo, e a pesar de terllo transmitido persoalmente ó alcalde e outros membros do equipo de goberno, os traballos proseguiron sen introducir modificación algunha. Dende entón, e xa van alá dous anos, non pode utilizar o seu garaxe xa que non hai marxe de manobra suficiente para acceder co seu vehículo. Co fin de conseguir que se retire a xardineira en cuestión, a afectada xa presentou un escrito no rexistro municipal do que, de momento, non tivo contestación. De non recibir unha resposta proximamente, non dubida en emprender accións xudiciais co fin de que se restitúan o estado orixinal desta rúa e poida volver usar a súa propiedade. Pola súa banda, dende o concello desminten que non se lle dera resposta posto que os técnicos e o alcalde en persoa desprazáronse ata a zona para realizar as medicións oportunas. Medicións que os profesionais consideran correctas xa que permiten realizar o xiro do vehículo; algo que din xa lle comunicaron á afectado. Así as cousas, o alcalde manifestou que non tería problema en retirar a xardineira sempre e cando os técnicos dictaminen que é necesario.